A xunta directiva de Asociación Culturgal, entidade responsable entre outras cousas da posta en marcha da feira do mesmo nome (onde se dá cita o mellor da nosa creatividade e os múltiples vieiros de expresión e promoción dixital desa creatividade), vén de nomear como director do dito evento ao xestor cultural Sergio Lago Varela. Con esta aposta, tendo en conta a experiencia de Lago Varela na posta en marcha de diversas iniciativas de éxito na Rede, o encontro galego (que se vai celebrar entre o 1 e o 4 decembro no Pazo de Cultura de Pontevedra) reforzará sen dúbida unha das súas liñas clave: a procura de novas canles e escenarios de mercado para o noso sector.
Lago, elixido pola xunta directiva entre unha serie de propostas e candidaturas de gran calidade e valía profesional, salienta a xuízo do equipo da Asociación pola súa “capacidade de xestión empresarial e asociativa, un fondo coñecemento de Culturgal que lle permite propoñer solucións moi concretas e unha visión multidisciplinar que se deixaba ver en todo o proxecto”.
Cómpre subliñar que o novo director de Culturgal non é novo na entidade. De feito, colaborou de xeito activo no proceso de construción na mesma, como representante de Agaphono.
Sobre a súa experiencia persoal, cómpre salientar a posta en marcha da plataforma en liña Toupa.net, a tenda dixital dos nosos produtos culturais, unha aposta arriscada e innovadora que xa cumpriu un ano de vida e que foi recoñecida por EGANET co premio á mellor iniciativa de e-comercio en 2010.
Previamente, en 2003, cofundou o selo discográfico Falcatruada, que dirixiu ata decembro de 2010.
“Nesta etapa”, sinala a xunta directiva de Culturgal, “ademais de participar na edición e difusión de referencias discográficas, abordou o management de artistas, xestión de dereitos editoriais, implantación de estratexias de promoción e venta en internet, produción de espectáculos de música ao vivo e realización de producións audiovisuais, algunhas delas vinculadas ás artes escénicas, especialmente de danza contemporánea”. Amais de todo isto, Lago dirixiu e impulsou o afianzamento das primeiras referencias musicais galegas en redes en liña de uso xeralizado, como por exemplo iTunes, Amazon ou Spotify.
A feira Culturgal reforza a súa vertente innovadora co nomeamento de Sergio Lago como director
Compartir Este Artigo
