Cada vez son máis os mozos e mozas que, unha vez rematados os seus estudos, deciden matricularse nunha academia para, durante uns 4 ou 5 anos (como mínimo), dedicarse a memorizar leis que os leven a aprobar unhas oposicións e vivir o máis comodamente posible, cun posto fixo e un soldo decente para toda a vida.
Afortunadamente, non todos pensamos da mesma maneira, e son moitos no noso país os mozos con iniciativa que deciden lanzarse a fundar a súa propia empresa e beneficiar ao mundo coas súas ideas innovadoras.
Un exemplo disto é Javier Mouriño, un mozo estudante de bioloxía interesado nas novas tecnoloxías, que con tan só 21 anos, decidiuse a montar a súa propia empresa coa que levar cobertura de Rede ao rural galego; xusto onde ás grandes empresas instaladas no noso país non lles interesa chegar.
Trátase de Intermax, unha empresa pioneira especializada en tecnoloxía sen fíos que, dende a súa fundación, conta cos mellores profesionais en redes Wi-Fi e WiMAX para o desenvolvemento do seu servizo.
Máis polo miúdo, Intermax ten á súa disposición un equipo de instaladores, técnicos, informáticos e enxeñeiros, que “levan máis de 20 anos no mundo das telecomunicacións”, e que, segundo indican, agora póñense ao servizo da poboación do rural galego para prestarlle un servizo básico que non lle prestan as grandes operadoras: Internet.
A empresa, que ofrece cobertura en máis de 60 concellos galegos, conta coa rede sen fíos Wi-Fi-WiMAX “mais extensa do territorio, con preto de 4000 km² de zonas de cobertura, “instalada con equipos de ultima xeración”, indican.
Dende a súa posta en marcha, a comezos do 2008, Intermax fidelizou máis de 7.500 clientes, entre particulares e empresas, que se conectan á Rede a través do seu sistema; e converteuse na empresa provedora de Internet de banda larga para máis de 20 parques eólicos da nosa comunidade.

Asemade, dende finais do pasado ano, a empresa está comezando a dar os seus primeiros pasos alén dos nosos lindes, instalando redes noutras comunidades como Huesca ou mesmo Arequipa, a segunda cidade máis poboada de Perú.
Segundo explican os seus responsables, “a maior parte das redes empregan tecnoloxía que cumpre os estándares 802.11 A N empregando antenas de dobre e triple polarización na banda libre de 5 Ghz, o que permite ofrecer velocidades a clientes de ata 300 Megas reais”.
En resumo, o que esta empresa galega ofrece non é máis que Internet de banda larga con cobertura óptima, algo do que xa gozan moitos internautas das grandes cidades, pero que segue a ser unha utopía para os que vivimos en concellos pequenos ou no rural.
A súa vantaxe radican en que, grazas a un microrrepetidor que pode mover ata 100 Mbps e cubrir ata 15 Km de radio, pode conectar con boa calidade a tódolos veciños dun concello “a un prezo moi reducido”, aseguran.
Intermax: cobertura para onde non chegan as grandes operadoras
Compartir Este Artigo

