Achégase o día 17 e, para que non o saiba, aínda a estas alturas, celébrase nesa xornada unha festa importante para a nosa cultura: a festa das Letras. Pero non queda aí a cousa, porque se dá a casualidade de que tamén é o Día de Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións, unha conxunción de circunstancias perante a que dificilmente podemos ficar indiferentes, sobre todo se o noso traballo diario (coma no caso de Código Cero) consiste precisamente en promover as novas tecnoloxías ao tempo que se promove a lingua propia. O noso Cluster TIC tamén se move dende a súa orixe nesta promoción, de aí que non queira deixar pasar a oportunidade de celebrar o 17 de maio. Para comezar, a plataforma empresarial galega deu a coñecer un comunicado no que salienta o papel das TIC na construción dunha sociedade próspera.
A xuízo do Cluster, cómpre tirar proveito da dita celebración para reflexionar sobre o papel que poden ter para a nosa terra a Sociedade do Coñecemento e as actividades empresariais arredor dela, claves para un desenvolvemento económico sustentable, para a igualdade de oportunidades, o pluralismo e o apoio ao espírito emprendedor.
“Nesta data”, prosegue o manifesto, “o Cluster TIC quere convidar a toda a sociedade civil galega a sumarse ao seu proxecto, que non é outro que o de converter a nosa comunidade autónoma nun líder europeo na implantación e uso destas tecnoloxías”.
Neste labor, engade, han de estar implicadas non só as empresas e organizacións do sector TIC, senón tamén o conxunto dos sectores económicos, o sistema educativo, as universidades, as administracións públicas e a sociedade civil no seu conxunto.
Para o Cluster TIC, é especialmente significativo que este ano se acompañe a festa do 17 de maio co lema Unha vida mellor nas comunidades rurais coas TIC. Este epígrafe pon de relevo que estas ferramentas son “imprescindibles para o desenvolvemento económico e para poñer as oportunidades de desenvolvemento ao alcance das persoas, especialmente nas áreas rurais dos países en vías de desenvolvemento”.
O Cluster TIC conmemora o Día das Telecomunicacións cun convite colectivo a apostar polas novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo
