
A estratexia de Balidea, salientable nun contexto laboral galego que amosa unha taxa de paro xuvenil en constante proceso de aumento (arestora do 25,4%), oriéntase en boa medida a achegar coñecemento práctico sobre tecnoloxía ou xestión co que complementar os contidos teóricos que os beneficiarios da iniciativa adquiriron nos seus estudos.
A novidade con respecto ás accións formativas previas de Balidea radica en que agora a estratexia de ensinanza non só abrangue ao persoal bolseiro senón tamén a persoas desempregadas, sendo a finalidade básica a de “mellorar a súa cualificación para convertelas en futuros traballadores e contribuír a que aumente a súa competencia profesional”.
A firma ten nestes intres aberto un proceso de selección das persoas que van participar nas accións formativas (a desenvolver en breve na propia empresa) para deseño e desenvolvemento de aplicacións web empregando ferramentas CMS e J2EE, programación de aplicacións avanzadas en Java. “A escolla destas materias non foi casual”, sinalan os responsables da empresa, xa que o que se pretende “é propiciar que as habilidades adquiridas sirvan para abrir novas portas no mercado laboral, afondándose en contidos que respondan á demanda actual do sector”. E continúan: “Trátase, por poñer un exemplo, do tipo de coñecementos que Balidea requirirá para proxectos que pensa abordar nun futuro inmediato, caso da modernización de sistemas de información policial do Departamento de Interior do Goberno vasco ou doutros de reforma no eido sanitario en diferentes comunidades autónomas”.
Estes cursos poñen a disposición dos asistentes unha serie de axudas e o compromiso da empresa de contratar a un 60% do alumnado que o remate. En definitiva, informa Balidea, as bolsas non son só un xeito de reforzarse laboralmente a si mesma, senón tamén de “colaborar no desenvolvemento profesional dos que serán os futuros traballadores e traballadoras das TIC en Galicia”.
Balidea pon en xogo novas iniciativas de formación para ampliar o seu persoal
Compartir Este Artigo
