Tal e como anunciamos hai uns días, esta semana preséntase movidiña en Lugo no que se refire a fluxo de coñecemento tecnolóxico-empresarial de primeira orde. E por que de primeira orde? Pois porque a cuarta edición das Xornadas Nacionais de OpenERP servirá entre outras moitas cousas para pór de relevo novas e accesibles maneiras de levar adiante unha empresa ao tempo que tiramos partido da potencialidade comunicativa da Rede, e todo isto con mínimo investimento. As xornadas, que se desenvolven o 26 e 27 de maio, reunirán en Lugo a un importante número de expertos en converter a programación aberta en riqueza, dende usuarios a programadores pasando por instaladores especializados en OpenERP, unha plataforma de código aberto destinada á xestión empresarial. O evento está organizado pola firma galega Pexego. A sede da actividade será a Cámara de Comercio de Lugo.
O obxectivo das xornadas, segundo conta Santiago Argüeso, director técnico de Pexego, é “compartir, difundir e mellorar a contorna de desenvolvemento rápido de aplicacións e xestión (OpenObject/OpenERP), que está baseada nunha tecnoloxía moderna e libre e que nos permite avanzar en colaboración no uso das novas tecnoloxías na nosa sociedade”. Lugo é a cuarta localidade do Estado español no que se celebran estas xornadas, logo de terse celebrado en Bilbo, Vilanova (Barcelona) e Zaragoza. O programa, que está dispoñible na web da comunidade española de OpenERP, abrangue conferencias, debates e exposicións de casos de éxito sobre o emprego da dita plataforma libre. A finalidade de todo este fluxo de coñecemento será descubrir o ecosistema da contorna tecnolóxica de xestión, amosar as súas características principais mediante titoriais e difundir modelos de negocio ligados a esta ferramenta, de gran potencial para un contexto ben claro: as nosas empresas nun tempo máis ou menos xeneralizado de axuste obrigado de investimentos e orzamentos.
O potencial do software libre na xestión, ao descuberto nas Xornadas de OpenERP de Lugo
Compartir Este Artigo
