O Cubo de Normal, espazo cultural pioneiro da Universidade da Coruña situado no Paseo da Ronda 47, xa está a ultimar os derradeiros preparativos que faltan para que esta tarde, do redor das 20:00 horas, dea comezo a presentación de ALG-A, unha comunidade subacuática de arte e acción libre, que integra o dixital nas súas creacións e que avoga pola formación continua dos seus membros.
Trátase dunha rede de artistas formada no ano 2003 no marco do Festival IFI de arte dixital en Pontevedra, que na actualidade xestiona dúas contornas colaborativas de autoaprendizaxe e produción colectivas: a web alg-a.org, creada no 2004, e o laboratorio de experimentación cultural Alg-a Lab, que funciona dende o ano 2007.
En concreto, a web alg-a.org, cun deseño moi visual e orixinal, serve como amplificador e filtro de información relacionada coa arte e a cultura libre en xeral, alén de como soporte de obra dixital libre.
Pola súa banda, o laboratorio de experimentación cultural Alg-a Lab, é unha iniciativa posta en marcha coa colaboración de Recetas Urbanas (Santiago Cirugeda) e pertence á rede Arquitecturas Colectivas, da que Alg-a é membro fundacional.
A UDC acolle esta tarde a presentación dunha rede de artistas do dixital
Compartir Este Artigo

