A Xunta de Galicia vén de presentar na Biblioteca Pública Nodal de Lugo unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro que rende homenaxe ao poeta monfortino e permite achegarse dun xeito dinámico e innovador á vida e á obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. As consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria colaboran, xunto ao equipo de Ouvirmos, a organización desta exposición que completará ao longo de 2011 unha itinerancia polas seis bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia. O acto de apertura contou hoxe coa participación do director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Francisco López; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta Lois Pereiro, e a directora da Biblioteca Pública Nodal de Lugo, Marisol González.
O proxecto Lois Pereiro nas bibliotecas nodais consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. A pantalla multitáctil de 46” presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.
No primeiro termo, Fotobiografía convida ao público a coñecer a vida de Lois Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar desde as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes vitais e os seus últimos anos en Galicia. Inclúe ademais un túnel do tempo, onde se pode interactuar con estas imaxes. Ademais de presentar e afondar na súa produción literaria, o interactivo permitirá escoitar ademais A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.
En Xogando coas palabras ofrécese un xogo para interactuar cos poemas de Lois Pereiro. A través da pantalla táctil pódense xerar novas palabras e compoñer os poemas de Lois utilizando as axeitadas. A Música estará representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo como Outro poema de amor e En Leonberg, Alexandro González con Contra a morte o amor que vai comigo, Nación Reixa con Furia, Fanny+Alexander con Postpunkdeirada, e Radio Océano con Narcisismo. Cunha aplicación a modo de picadiscos o visitante poderá escoitar as cancións que elixa, ademais de acceder aos comentarios e crítica musical de cada un dos temas.
O gran muro estático, de 2 metros de alto e 3,5 de ancho, mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhibirán en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta.
Presentan en Lugo unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro
Compartir Este Artigo
