Este xoves 26 de maio, os investigadores do centro galego Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) proseguen a súa liña de visitas formativas a prol da difusión do coñecemento polos centros de Educación Especial da nosa terra. A cita, inserida dentro do proxecto Tecnoloxías especiais para persoas especiais, será desta volta na escola Navalón, en Santiago de Compostela. A través desta actividade, na que está a participar xa un equipo de investigadores de Gradiant, preténdese achegar as novas tecnoloxías a alumnas, alumnos e docentes do devandito centro de ensinanza.
Ao longo da mañá, os técnicos de Gradiant aprenderanlles aos rapaces os segredos e funcionalidades de recursos como os novos interfaces home-máquina e diferentes tecnoloxías que facilitan o acceso á Sociedade da Información a través de xogos especialmente seleccionados e desenvolvidos para alumnado con necesidades de tipo específico. Como dixemos, a cita de hoxe forma parte dun completo itinerario pola nosa terra, descrito polo miúdo na web Divulgación do espazo de I+D emprazado en Vigo.
Os técnicos de Gradiant informan das vantaxes das TIC no centro Navalón
Compartir Este Artigo
