Dios Ke Te Crew, o senlleiro grupo galego de hip-hop, vén de anunciar novidades na Rede relacionadas coa súa máis recente entrega discográfica: Humanose. A banda de Ordes, que está arestora mergullada no inminente lanzamento deste novo traballo, logo de moitos meses de traballo intensivo nos seus estudos de Rapapoulo, quere tirar partido da Web co fin de convocar aos seareiros e non tan seareiros arredor da nova achega. Vémolo na súa web propia, comentada en Código Cero con motivo da súa presentación, onde a banda pon a disposición dos internautas unha das cancións que se inclúen no dito disco, Dame ighual, que conta coa participación de o Leo i Arremecághona e a vocalista Loli Nogueira, e que, como dixemos, pódese descargar de balde.
Por certo que o novo álbum do que se extrae o tema estará dispoñible en todas as tendas na segunda quincena do mes de xuño, “composto por 13 cortes inconfundibles e coa colaboración de diferentes artistas do eido musical”.
Ademais, o traballo de deseño e ilustración do disco corre a cargo de Liqen e Sekone, “dúas importantes figuras do ámbito da arte urbana”, sinalan os compoñentes do grupo na súa páxina. .
Dios Ke Te Crew avanza na Internet o seu novo álbum
Compartir Este Artigo
