Malia que na actualidade existen máis de 22 millóns de DNI electrónicos expedidos en España, o certo é que aínda son moitas as persoas que non lle acaban de atopar a súa utilidade como ferramenta de acreditación telemática, e que só o usan para identificarse como se fora un carné tradicional.
Xa que logo, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da entidade pública red.es, vén de seleccionar, mediante procedemento público, a 16 entidades privadas para participar nunha iniciativa orientada a fomentar o uso deste documento en servizos de relevancia e alta visibilidade, entre as que destacan Vodafone, Telefónica, Iberdrola ou ING Direct, entre outras.
A iniciativa, que se prevé se estenda ata o 31 de decembro deste ano, achega a realización conxunta de accións de información e divulgación sobre un conxunto de servizos do sector privado, “de gran utilidade e impacto entre a cidadanía”, segundo afirman, que permiten o uso do DNI electrónico como medio de autenticación ou de sinatura electrónica para a realización de trámites online.
Entre as actuacións previstas no marco do proxecto atópanse o deseño e elaboración de folletos, vídeos e outros contidos dixitais cos que difundir as vantaxes do DNI electrónico entre a cidadanía, así como a realización de actividades de formación dirixidas a fomentar o seu correcto uso, tanto nas propias entidades como a través de distintas xornadas online.
Grazas a estas accións, cada vez serán máis as persoas que lle dean uso ao seu DNI electrónico para relacionarse telematicamente coas Administracións Públicas e con moitas entidades privadas, evitando desprazamentos, tempos de espera e trámites innecesarios.
Entre os servizos dispoñibles máis empregados destacan: solicitar o historial laboral, realizar a declaración da renda, solicitar axudas ao desemprego, consultar datos persoais en rexistros públicos, solicitar o envío de formularios, realizar o pago de taxas…
O Ministerio de Industria colabora co sector privado para fomentar o uso do DNI electrónico
Compartir Este Artigo

