Tecnoloxía galega para dixitalizar a sanidade en Cataluña A empresa galega Bahía Software, con sede en Santiago de Compostela, vén de ser contratada polo Institut Catalá de la Salut (o equivalente ao SERGAS galego) para implantar en cinco hospitais e 21 centros de atención primaria desa Comunidade, a súa solución de imaxe médica dixital que axiliza trámites telemáticos, aforrando tempo e optimizando custes.
Trátase da ferramenta Bay Dicom Media, que entre outras cousas, permite trasladar con maior facilidade estudos médicos e historiais, así como compartir resultados online entre diferentes departamentos, hospitais e centros de saúde.
Porén, alén de tódalas vantaxes que se poden deducir desta ferramenta de uso telemático, a característica máis salientable deste software radica na súa capacidade para recuperar imaxes dun sistema informático dado e gardalas nun soporte convencional para que poidan ser lidas con calquera programa compatible.
Isto permite que, independentemente do sistema operativo que usen nun determinado centro, este pode xerar e compartir nun mesmo paquete as imaxes dixitais, os informes médicos ou os datos persoais de cada doente, incluíndo resultados de analíticas, resonancias magnéticas, radiografías ou todo canto sexa susceptible de ser dixitalizo e arquivado.
Segundo afirman no xornal La Voz de Galicia, a solución de Bahía Software non é a única do mercado, porén destaca por “integrar nunha única aplicación o que outros fabricantes ofrecen en varios produtos”; polo que o Bay Dicom Media facilita o mantemento e o uso, ao tempo que reduce custes.
Tecnoloxía galega para dixitalizar a sanidade en Cataluña
Compartir Este Artigo

