Na actualidade, a penetración das TIC entre as persoas maiores de 65 anos do noso país é sumamente baixa; tanto que tan só o 8,5 por cento do colectivo usa Internet como mínimo unha vez á semana, salvando unha fenda que semella non terse superado máis.
Sobre estas barreiras e sobre como derrubalas, falouse nos días pasados na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, no marco das II Xornadas de e-Accesibilidade: promovendo a autonomía persoal, que continuarán ao longo do día de hoxe e mañá.
En xeral, segundo puidemos ler no DUVI, os relatores convidados ao acto de apertura das xornadas, entre os que destacan o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, o director da Unidade de Empresas de Vodafone, Juan José de Santiago, o xerente de Gradiant, Luis A. Sestelo ou a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, coincidiron en afirmar que, as novas tecnoloxías servirán, nun futuro non moi alongado no tempo, para axudar a rachar coa fenda dixital existente entre este colectivo e a sociedade xeral, así como “para dar resposta ás demandas da sociedade neste senso”.
Javier del Arco, coordinador científico da Fundación Vodafone España foi máis alá, e centrou o seu relatorio na análise das causas que producen esta fenda dixital. Del Arco apuntou a falta de motivación, a falta de coñecementos, a falta de interese, a falta de curiosidade e mesmo o medo, como as principais razóns para que os nosos maiores sexan reticentes a empregar Internet e as TIC no seu día a día, porén recoñece que “nos últimos anos se observa unha mellor disposición” a medida que envellecen as persoas con maior nivel educativo e máis afeitas ao emprego de dispositivos electrónicos.
O coordinador científico da Fundación Vodafone, que está a traballar nun estudo sobre a penetración das TIC entre os maiores en España, admitiu que é imprescindible que usen as TIC para elevar a súa calidade de vida, porén este labor non depende só de que estes se afagan a usar dispositivos tecnolóxicos sen máis, senón tamén de que as empresas detecten as súas necesidades e se adapten a elas.
O camiño non é doado, e menos no noso país, onde a fenda dixital é moito máis salientable que noutras comunidades pola dispersión da poboación, pero os obxectivos están marcados, e o primeiro deles, segundo indicou del Arco, é “facerlle ver a este grupo crecente de maiores de 65 anos que coas novas tecnoloxías gañan en independencia, en seguridade e en capacidade de comunicación e interrelación”.
Ao longo das vindeiras xornadas, os relatores convidados afondarán nas diversas propostas e ferramentas deseñadas dentro e fóra da Universidade no eido da e-accesibilidade como na teleprevención sociosanitaria ou a monitorización de medicamentos.
As xornadas continuarán ata o mércores avanzando tamén nas achegas das novas tecnoloxías para persoas xordas, unha TDT accesible, sistemas de domótica que eliminan barreiras, teleasistencia móbil, linguaxe de signos… Pecharanse as xornadas cunha posta en común dos investigadores e tecnólogos con representantes dos colectivos implicados para coñecer de primeira man as demandas e necesidades de maiores, dependentes e discapacitados que se poden paliar con novas tecnoloxías.
Proseguen en Vigo as II Xornadas de e-Accesibilidade
Compartir Este Artigo

