A Tropa de Trapo, a longametraxe galega de animación 3D estereoscópico que máis premios leva colleitados dende a súa estrea no pasado outono, volve a ser noticia en Código Cero ao ter obtido un novo recoñecemento internacional de prestixio.
Desta volta, o premio recaeu na súa banda sonora orixinal, unha composición de Zeltia Montes, que vén de facerse co Director´s Choice, a Medalla de Ouro á Excelencia no Festival de Música de Cine de Utah (Estados Unidos).
O certame, que por certo se celebra na mesma localidade que o festival de Sundance, está dedicado en exclusiva ás bandas sonoras das máis variadas longametraxes, e A Tropa de Trapo chegou a el xa avalada pola crítica.
O portal francés, Under Scores, un dos máis prestixiosos do sector, sinalaba o “carácter refrescante” dunha banda sonora diferenciada polo seu aspecto lúdico, o seu “entusiasmo case xuvenil” e no que “a simplicidade tan só permanece na superficie deixando ver un traballo moi meticuloso”.
Tamén Conrado Xalabarder destacou en Fotogramas o “carácter vitalista e optimista”, reforzado con coros e con percusión corporal. Para Xalabarder trátase dunha banda sonora “solidamente estruturada e de coidada elegancia, moi transparente nos seus propósitos e con refinamento instrumental”.
Zeltia Montes, que xa no 2009 recibira o mesmo premio pola banda sonora de Pradolongo, foi convidada no pasado mes de abril a interpretar a súa composición nun concerto dedicado a novos e prometedores compositores.
A peza pode escoitarse na web oficial do selo que a editou: o Quartet Records, onde tamén se pode adquirir por 12,95 euros.
A Tropa de Trapo recada novos éxitos internacionais
Compartir Este Artigo

