As conversas de ascensor, de enterro ou de consulta do dentista tamén se poden dicir en galego e coa retranca marca da casa. Isto sabémolo ben: quen máis quen menos, por moito que criticase a rutina das frases feitas, meteuse algunha vez na enleada de falar do tempo ou de que non somos ren, e cousas polo estilo, ao non contar con nada máis interesante que dicir. Con todo, de facelo, mellor facelo ben, propiamente e na nosa lingua. Para axudarnos, o selo en liña Meubook vén de editar en formato electrónico o Dicionario Fraseolóxico bilingüe castelán-galego,, importante ferramenta de consulta para falar de maneira axeitada cando precisamente, falamos por falar.
A obra vén da man de Xosé Antonio Pena, e xa se pode mercar. Segundo conta A Nosa Terra, só está dispoñible polo de agora en forma electrónico, pero non se descarta unha achega futura en papel. O seu prezo é de 30 euros, e recolle máis de 8.500 expresións, frases feitas e xeitos dicir en idioma castelán e 25.000 na nosa lingua. Para a realización do traballo, Xosé Antonio Pena empregou de alicerce un traballo previo de seu, o Dicionario Cumio de expresións e frases feitas castelán-galego, de 2001.
Coa súa nova achega, póñense en xogo unha serie de importantes actualizacións, ampliacións de fondo e mesmo novas funcións, como o feito de que se nos permita coñecer a fonte da que abrolla cada expresión ou frase feita. Unha das grandes vantaxes do traballo, alén de amosar a amplitude do mundo das frases feitas (moito máis amplo do que se pensa), é que posibilita a reivindicación do noso fronte ao espallamento do castelán, unha lingua que polo seu volume de falantes (que non para de medrar) e polo que apoio que recibe dende medios de comunicacións e institucións de todo tipo (moi dadas ás expresións prefabricadas), conseguiu deixar nun segundo plano ás nosas expresións equivalentes, que con este Dicionario podemos poñer de novo en valor.
Meubook edita en formato electrónico o dicionario castelán-galego de frases feitas
Compartir Este Artigo
