Os novos formatos, con tódalas súas vantaxes para chegar a tódolos recantos da sociedade, seguen a ser unha boa aposta comunicativa para a nosa cultura tradicional. Así o ten máis que asumido o selo galego Ouvirmos, que vén de publicar a Guía didáctica de instrumentos galegos tirando partido, precisamente, dun bo número de recursos relacionados coas novas canles do coñecemento. De feito, trátase dun libro-CD cunha manchea de fotografías (100), pistas de audio acompañando as descricións dos instrumentos (40) e unha pista interactiva en formato web “con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos”, informan os responsables do selo.
A guía, que vén da man de Moisés Quintas, achega ademais un pormenorizado repaso pola historia da nosa música tradicional a través das nosas gaitas, pandereitas, zanfonas, bombos e demais, achegando descricións exhaustivas dos mesmos, as súas partes, a súa etimoloxía, orixe e evolución.
Segundo conta o mestre artesán Antón Corral a propósito desta obra, estamos perante “un legado de coñecementos históricos e actuais, a piques de desaparecer sobre os instrumentos populares e tradicionais galegos. Unha base para que os rapaces e rapazas sintan curiosidade polo pasado, presente, e sexan así mesmo, posibles continuadores e enriquecedores de futuro”.
Publicada unha guía de instrumentos galegos con material interactivo
Compartir Este Artigo
