Sogama vén de renovar a súa páxina web, co obxectivo de mellorar o máximo posible as canles de transmisión dos seus obxectivos e liñas de traballo ambientais á cidadanía galega. A renovación do portal, da que se dá conta polo miúdo en medios como El Progreso, afecta aos contidos (máis directos e amplos) e tamén á disposición dos mesmos (tirándose partido dunha comunicación máis directa e das vantaxes das redes sociais). En galego e máis en castelán, a nova web tamén salienta polos recursos postos en xogo para mellorar a nosa formación en xestión medioambiental, facéndose fincapé na importancia da reciclaxe e na busca de novos métodos para xerar a menor cantidade posible de refugallos.
A páxina, que inclúe entre outras cousas un xogo interactivo para implicar a internautas de tódalas idades na correcta clasificación do lixo, preséntase baixo o epígrafe Traballamos, educamos e actuamos por un futuro sostible. Este lema resume en boa medida o miolo da web, dende onde se informa do traballo despregado por Sogama (facéndose un percorrido polo seu cometido e equipamento industrial) e polo seu labor educativo (dándose acubillo a tódalas actividades da empresa pública nos eidos da sensibilización e da divulgación en materia de medio ambiente, incluíndose campañas, programas, servizos didácticos ou visitas guiadas ás instalacións de Sogama).
Sogama renova a súa páxina web
Compartir Este Artigo
