A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, vén de confiarlle a AGASOL a actualización e mellora dos equipos informáticos levados ás escolas galegas no marco do proxecto Abalar, que busca achegar as TIC a máis de 1.000 centros de ensino de Educación Primaria e ESO de toda Galicia.
O colectivo empresarial, integrado por máis dunha trintena de compañías galegas que apostan polo uso de fontes abertas, asinou un convenio de colaboración coa entidade pública para renovar o software dos equipos suxeitos ao proxecto, mediante unha maqueta máis operativa que a que tiñan ata agora, e cun perfil único para todos os usuarios, o que fai que, segundo afirman, “o acceso aos ordenadores sexa máis doado”.
O xerente da asociación, Luís Alberto Fernández, que prevé ter rematada a primeira fase de adaptación antes de que comece o vindeiro curso, salientou a aposta da Xunta por uns equipos que teñen como base o software libre, “perfectamente integrados no entorno escolar e que prestan todas as garantías educativas, tanto a nivel técnico como funcional”.
En total, serán máis de 31.500 os ordenadores que se adaptarán ás novas esixencias tecnolóxicas de docentes e alumnos, informatizando aulas en novos centros e estendendo a área de actuación a 6º de primaria e 2º da ESO, que se suman a 5º e 1º de cada ciclo.
Asemade AGASOL, que promove o software libre como ferramenta para desenvolver unha sociedade da información máis accesible,centrarase na formación do colectivo de alumnos, profesores e pais, impartindo clases con exemplos prácticos para o uso dos recursos dixitais e achegando material divulgativo.
Algo similar ao que se pretende co Plan Navega con Rumbo que, no marco do proxecto Abalar, porá en marcha, da man de AGASOL, unhas xornadas divulgativas destinadas a docentes, pais e nais para que coñezan o espazo online e reciban formación sobre os contidos dixitais do proxecto.
Ademais de colaborar co proxecto Abalar, os empresarios do sector do software libre acadaron un convenio coa Consellería de Educación para levar a cabo unha renovación integral da web institucional do departamento da administración autonómica. Trátase, en palabras do xerente de AGASOL, Luis Alberto Fernández “de introducir melloras que faciliten o uso do portal a través da súa renovación total”.
AGASOL renovará o software dos equipos do proxecto Abalar
Compartir Este Artigo

