En España suman máis dun millón as persoas que teñen discapacidade auditiva e que, polo tanto, precisan de solucións adaptadas para poder comunicarse con total normalidade na distancia, tanto entre eles como coas persoas oíntes.
A Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación, traballa nesta liña facilitándolle novas e mellores ferramentas ao colectivo, e agora, sabedor da experiencia de Telefónica no eido comunicativo, vén de asinar un convenio de colaboración con ela para desenvolver unha nova xeración de solucións.
Máis polo miúdo, o acordo vai procurar esa comunicación dende unha tripla perspectiva: entre persoas xordas, entre persoas xordas e oíntes e entre este colectivo e a Administración Pública, o chanzo con menos pasos andados.
Telefónica, que xa viña colaborando coa Fundación CNSE dende hai tempo, potenciará os seus servizos de vídeo chamada e permitirá unha contratación máis doada de servizos de telecomunicacións convencionais, móbiles e de banda larga a través de canles especializadas.
Asemade, potenciará o desenvolvemento funcional e tecnolóxico das plataformas de vídeo interpretación con solucións tecnoloxicamente avanzadas, e promoverá este servizo a través da plataforma SVisual, a fin de darllo a coñecer ás empresas do sector público e outras asociacións similares en Sudamérica.
A colaboración de Telefónica con CNSE abarca outros ámbitos de actuación como os premios Telefónica Ability Awards, ou a formación dun grupo de traballo para avanzar nos proxectos conxuntos, formado por representantes da Fundación CNSE e expertos de distintas áreas de Telefónica, como eHealth ou I+D.
Telefónica potenciará os seus servizos de vídeo chamada e vídeo interpretación para persoas xordas
Compartir Este Artigo

