
Trátase da suite Office 365, que inclúe Microsoft Office, Microsoft SharePoint Online, Microsoft Exchange Online e Microsoft Lync Online, e que só se comercializa mediante unha subscrición mensual.
Este servizo, que foi lanzado como beta o pasado ano, xa obtivo unha “resposta moi entusiasta por parte do mercado”, aseguran, “sendo empregada por máis de 200.000 organizacións de todo o mundo”.
Agora, xa na súa versión definitiva, vai ser distribuído por máis de 20 provedores de servizos do eido internacional, e aquí en España serán Informática El Corte Inglés, Telefónica e Vodafone, as entidades seleccionadas para empaquetar e vender Office 365 cos seus propios servizos para pequenas e medianas empresas.
A suite foi deseñada para axudar tanto ás pequenas empresas como ás grandes corporacións, e inclúe un amplo abano de plans de servizo con cadansúas tarifas, que van dende os 1,97 euros ata os 25,50 euros por usuario e mes, dependendo do nivel tecnolóxico que se precise.
Correo electrónico, compartición de documentos, mensaxería instantánea, videoconferencia, conferencias web, web propia… son algunhas das funcións que facilita esta ferramenta, baseada no pago por uso, con versións na nube dos servizos de comunicacións e colaboración líderes da industria.
A principal vantaxe deste servizo, alén de permitir facer reunións virtuais, traballar en documentos simultaneamente ou compartir ideas en calendarios virtuais, radica na posibilidade de facelo dende calquera dispositivo que o usuario poida utilizar, sen ter que limitarse ao que usa no lugar de traballo.
As empresas interesadas en coñecer de primeira man as vantaxes deste sistema, poden probalo de balde durante 30 días, dándose de alta en Office365.es ou a través dun partner da entidade.
Microsoft permite probar de balde a suite Office 365 de servizos na nube
Compartir Este Artigo

