Nesta época do ano na que todos estamos máis pendentes das vacacións que de outra cousa, as compañías e anunciantes aproveitan para darnos consellos sobre como tomar o sol sen queimarnos, sobre como perder os quilos de máis que queremos, sobre como bañarnos sen sufrir un corte de dixestión, sobre como coidar o pelo para que non semelle palla ó final do verán, sobre cómo viaxar con seguridade, e sobre todo, e máis importante, sobre como ligar, non vaia ser que un ano máis acabemos pasando as vacacións sós e nos alegremos de ter o móbil á man para chatear coa mesma xente de todo o ano.
De ocorrernos isto último, tamén hai unha serie de consellos a seguir, e achéganolos Ontinet.com, o distribuidor en exclusiva para España de ESET, sabedor de que o uso de dispositivos tecnolóxicos implica riscos de seguridade que convén coñecer para prever potenciais perdas de datos, roubos…
Xa que logo, a compañía ofrece un Decálogo de consellos e boas prácticas de seguridade informática para veraneantes, que en xeral son moi doados de seguir e que poden aforrarnos máis dun desgusto nas nosas vacacións; é o que segue:
1. En primeiro lugar indícanos que protexamos o acceso á información dos nosos dispositivos, de maneira que establezamos un contrasinal de seguridade para desbloquealos cando xa estean activos. É unha barreira máis para os “aproveitados” que poidan facerse cos nosos dispositivos.
2. Tamén nos recomenda usar só conexións fiables e desconfiar das conexións Wi-Fi públicas e de balde, posto que en moitas ocasións son “trampas postas por ciberdelincuentes que interceptan o tráfico de rede de tódolos dispositivos que se conectan a elas, tendo acceso a todo tipo de información”, aseguran.
3. En terceiro lugar ínstanos a coidar as conexións entrantes, e activar o bluetooth e a rede sen fíos só cando o necesitemos, a fin de protexernos de posibles intrusos.
4. Outra recomendación que nos fai o decálogo, que como as demais serve para seguir todo o ano, é que manteñamos en bo estado as nosas memorias extraíbles, sobre todo as que compartamos cos demais usuarios, asegurándonos de que non conteñen virus nin ameazas que poidan ser distribuídas no resto dos periféricos.
5. Tamén recomenda que protexamos a nosa privacidade xa que existen bandas organizadas que se dedican a espiar a información dos movementos que vamos compartindo a través de redes sociais ou aplicacións de xeolocalización, e que poderían aproveitar a nosa ausencia para invadir as nosas propiedades. Neste senso e preferible evitar publicar e compartir información das nosas ausencias nas redes sociais xa que pode ser un acto simpático que, aseguran, “pode pasarnos factura”.
6. Un consello moi útil e que case ningún usuario leva a cabo con constancia é empregar diferentes contrasinais para os distintos servizos aos que accedamos. Debería ser unha práctica habitual cambialas cada 3 meses como mínimo e non gardalas nos nosos dispositivos para non ter que teclealas cada vez que accedamos aos distintos servizos.
7. O sétimo consello desta listaxe vai dirixido ás persoas afeccionadas aos xogos online; a ESET publicou recentemente un estudo que indica que “os gamers non teñen unha gran concienciación sobre os riscos aos que se enfrontan”. Neste senso, o decálogo recomenda ter moito ollo e utilizar protección antivirus actualizada.
8. As indicacións non faltan tampouco á hora de mercar de xeito telemático. Os autores recoméndannos ter coidado coas ofertas online, e desconfiar dos denominados “chollos”. “O período estival é unha das épocas nas que máis abundan todo tipo de estafas que usan a Rede para conseguir maior difusión e anonimato”, afirman, xa que logo, debemos evitar caer nas trampas e desconfiar de alugueres extremadamente económicos, billetes de avión a prezos irresistibles ou calquera outro tipo de ofertas “suculentas” en sitios web que non son de fiar.
9. Se nos vemos na obriga de empregar ordenadores públicos, o decálogo recomenda non acceder ás nosas contas bancarias, nin realizar compras nin reservas, xa que a información podería ser capturada e almacenarse en forma de ficheiros temporais que quedan á disposición de calquera persoa.
10. O documento remata recomendándonos que protexamos os nosos equipos instalando un bo software de seguridade que detecte todo tipo de ameazas de maneira proactiva.
É aquí onde ESET deixa ver a súa faceta de anunciante, ao indicarnos que o seu ESET Online Scanner, é un antivirus online que detecta e desinfecta de balde todo tipo de vermes maliciosos.
Ante todo, e alén das súas intencións comerciais, a compañía lembra que se temos a máis mínima sospeita de que a nosa información ou datos poden estar comprometidos, “o máis recomendable é actual apresa: anular as nosas tarxetas bancarias, cambiar contrasinais e denunciar”.
Decálogo de boas prácticas de seguridade informática para veraneantes, da man de ESET
Compartir Este Artigo

