Acronis é unha firma especializada no que eles denominan “desastres de TI” e protección de datos tanto na contorna física como na virtual ou cloud, que, ao igual que fixeron outras empresas do eido tecnolóxico, aproveita a chegada do verán para anunciar os seus servizos a modo de consellos a seguir.
A escusa é que “coa chegada do verán é cada vez máis importante para as empresas ter unha copia de seguridade dos seus datos e poder así manter a continuidade da súa actividade, de modo que se poida afrontar calquera desastre típico do período estival”.
Xa que logo, os consellos que achega para axudar ás empresas a asegurarse de que todos os seus datos críticos están totalmente protexidos e poden recuperarse rapidamente en caso de calquera desastre que poida ocorrer durante o verán son os que seguen:
- Escoller as imaxes de disco. Acronis afirma que para asegurarse de que as empresas poden poñerse en marcha rapidamente, “deben xerar imaxes dos equipos e servidores para que as copias completas de datos e aplicacións estean a salvo”. Tamén recomenda almacenalas en diferentes máquinas, en distintos lugares ou ben escoller unha solución de cloud para que, no caso de que suceda algo estraño, as imaxes se poidan cargar no hardware novo en poucas horas.
- A firma tamén recomenda “dar o salto ao cloud para garantir a continuidade do negocio”. As copias de seguridade físicas son boas para as recuperacións cotiás, porén, se se destrúen, pérdense tódolos datos. A mellor alternativa é contratar un provedor de servizos de cloud, non só para realizar a copia de seguridade, senón tamén para recuperar os datos en máquinas virtuais.
- Un consello a seguir, segundo esta firma, tamén é recuperar as imaxes nun hardware diferenciado; o software independente do hardware pode recuperarse a partir da imaxe de copia de seguridade do sistema que fallou no hardware dispoñible e substituír os controladores de hardware antigos da máquina por outros novos, un proceso que, segundo afirman, “só tarda uns 15 minutos”.
- Tamén é recomendable, á hora de facilitar a xestión dos datos, estudar unha solución que protexa tódalas plataformas que se estean a empregar. Desta maneira, se se produce un desastre, a organización poderá coordinar de maneira doada unha recuperación que reduza ao mínimo ou elimine a posibilidade de perda de produtividade.
- Por último, Acronis recomenda elaborar un plan e seguilo, a fin de que, se o desastre chega, saberemos como recuperar os datos rapidamente.
Como era de agardar, a firma remata a listaxe de consellos ofrecendo un software de copia de seguridade e recuperación de seu, que axuda a pequenas e grandes empresas a asegurar a preservación dos activos dixitais e tamén a recuperación dos mesmos.

