O móbil que Vodafone presentou recentemente na Coruña, o Emporia RL1, específico para as persoas maiores ou con dificultade para usar os trebellos máis modernos do mercado, semella cumprir as expectativas dos seus potenciais usuarios en canto a usabilidade e facilidade de uso, e vén de recibir o selo de certificación SIMPLIT da man do Instituto de Biomecánica (IBV) e a Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados de España (UDP), garantindo que “é un produto doado de usar para tódalas idades”.
Esta acreditación chega logo de que as entidades que a conceden avaliaran a adecuación do deseño do produto ás necesidades das persoas maiores, considerando aspectos relativos á súa facilidade e eficiencia de uso.
Para iso contaron con usuarios voluntarios maiores de 65 anos, activos e sen dependencia, que comprobaron a facilidade de uso do Emporia RL1 ao realizar diferentes tarefas. As principais vantaxes que destacaron foron o “axeitado tamaño dos números e letras, a comodidade para marcar os números, o menú fácil de localizar e o pouco peso do móbil”, entre outras cousas.
O SIMPLIT persegue un dobre obxectivo: dar resposta ás empresas interesadas neste colectivo “cada vez máis esixente”, afirman, e ao mesmo tempo, “garantir que estes produtos teñen en conta as necesidades e preferencias do consumidor de tódalas idades”.
O Emporia RL1 é un terminal de pequenas dimensións (107 x 50 x 12 milímetros), peso lixeiro (92 gramos) e atractivo deseño, doado de utilizar. Estamos ante un terminal de doado uso, compatible con audiófonos, que posúe teclas extra grandes con puntos de presión claramente recoñecibles e unha ampla pantalla OLED de alto contraste para facilitar a lectura. Integra a funcionalidade de lanterna LED e a súa base de carga destaca por contar cun botón que permite activar directamente o mans libres do móbil, facilitando o uso do terminal no fogar sen ocupar as nosas mans.
O Emporia RL1 está dispoñible en tendas e na Tenda Online de Vodafone dende 0 € para altas novas e clientes que fagan unha portabilidade (cambio de operador mantendo o número) con permanencia de 18 meses e consumo mínimo de 8 € ao mes.
O Emporia RL1 obtén o certificado SIMPLIT que asegura a súa empregabilidade
Compartir Este Artigo

