A Oficina de Software Libre da USC, que no marco do programa Universidade de Verán vai celebrar varios cursos sobre ferramentas abertas e boas prácticas no uso das TIC, pecha hoxe o prazo de inscrición da xornada Boas prácticas na Informática e a Internet con Ferramentas FLOSS, que se celebrará os días 23 e 30 de xullo e o 6 de agosto na Escola Galega de Administración Pública.
Este curso, que ten formato de xornadas, está aberto ao público en xeral, porén a organización aclara que “será de moita utilidade para aquelas persoas que xa saben algo de informática pero que descoñecen a forma correcta e produtiva de realizar determinadas tarefas”.
Trátase dunha xornadas de 15 horas de duración en total, nas que se formará ás persoas asistentes no uso das ferramentas FLOSS na Rede, de xeito que poidan sacarlle a maior rendabilidade posible no seu día a día.
O custe de matrícula é de 70 € con carácter xeral e de 40 € para estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC.
Tamén remata hoxe o prazo para inscribirse no curso Traballo diario con Ubuntu, que vai impartirse do 18 ao 22 de xullo en Compostela, e que formará aos participantes nos usos e aplicacións de GNU/Linux a nivel usuario.
Hoxe remata o prazo de inscrición para varios cursos TIC da USC
Compartir Este Artigo

