Antes de que a Xunta de Galicia, da man da Secretaría Xeral de Modernización, puxera en marcha o seu Plan de Banda Larga para levar Internet de calidade a tódolos recunchos da nosa Comunidade, no Concello de San Cristovo de Cea tan só o 17 por cento da veciñanza tiña acceso á Rede.
Agora, este servizo, que pretende ser universal, chega ao 90 por cento da poboación, e a previsión é que no 2013 acade xa o 100 por cento grazas á tecnoloxía vía satélite.
En total son 2.000 os veciños que teñen a posibilidade de conectarse a Internet, o que, visto en datos porcentuais, supuxo un incremento nada desprezable do 73 por cento da cobertura nesa localidade.
Segundo información achegada por Modernización, “unha das liñas de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps”; velocidade que chega a 10 Mbps nalgunhas localidades do municipio, onde a operadora mellorou a súa oferta inicial.
Asemade, os clientes dispoñen sen custe adicional dun sistema de almacenamento privado, Terabox, un disco duro virtual cunha capacidade de ata 100Mbps para que os usuarios poidan gardar todo tipo de arquivos, compartir documentos e mesmo acceder dende o remoto para xestionalos en calquera momento.
Coa chegada da banda larga a este concello, en total xa son en torno a 321.000 os galegos e galegas que poden acceder a Internet dende os seus domicilios, reducindo ao 30 por cento as zonas que quedan sen cobertura na nosa Comunidade.
Segundo informan dende a Xunta, en 2011, o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede “chegue ao 83,60 por cento fronte ao 70 por cento existente en 2009”.
Preto de 2.000 veciños de San Cristovo de Cea poden acceder xa a Internet de banda larga
Compartir Este Artigo

