Cada vez son máis as empresas galegas que deciden apostar polo software libre para incrementar a produtividade dos seus negocios sen ver reducida a súa eficacia. Malia todo, aínda son moitos os empresarios e empresarias que descoñecen as vantaxes deste tipo de aplicacións para mellorar os seus servizos, xa que logo, o Centro Demostrado TIC de Galicia vai celebrar, o vindeiro 28 de xullo, unha xornada dedicada á Xestión Integral de Empresas con Software Libre, dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos, xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.
O obxectivo da xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto abarata o seu custe de adquisición e posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais das empresas galegas, “facilitando deste xeito que a inversión TIC das empresas xere negocio no propio sector TIC galego convertendo así a innovación tecnolóxica en motor económico”, aseguran dende o Centro Demostrador.
A xornada, á que se pode acudir de balde previa inscrición na web oficial do Centro, dará comezo ás dez da mañá coa visita ás instalacións e continuará cunha charla informativa sobre a integración do software libre na empresa. Posteriormente, exporanse casos de éxito e demostracións de solucións tecnolóxicas da man de distintas firmas galegas especialistas no sector, tales como Aitire, Pexego, Queres ou Redegal, entre outros.
Máis polo miúdo, o programa recolle a exposición das solucións que seguen: – Xestión e administración da infraestrutura Tecnolóxica: Zentyal presentado por Aitire, partner oficial de Zentyal en Galicia. – Xestión Integral: OpenERP presentado por Pexego, partner oficial de OpenERP en Galicia. – Xestión Documental: Alfresco presentado por Queres, partner recoñecido de Alfresco en Galicia. – Presenza en Internet, CMSs Libres – Joomla presentado por Wireless Galicia. – Comercio Electrónico para pemes: PrestaShop presentado por Redegal.
Dende o CDTIC lémbranlle ás persoas interesadas en asistir que o software libre “está chamado a ter un papel importante no noso país”, e que “as tecnoloxías libres facilitan o aliñamento da oferta do sector TIC coa demanda do tecido empresarial galego”, algo tan necesario como alentador, neste intre.
O CDTIC prepara unha xornada sobre xestión de empresas con software libre
Compartir Este Artigo

