Fai cousa de tres anos, aproveitando o Día do Libro e o desexo crecente de gran parte da comunidade internauta de publicar o seu propio best seller, botou a andar Bubok, un sistema de autopublicación e venda de libros que permitía que calquera persoa puidese cargar ao sistema as súas creacións en formato PDF para obter unha copia impresa e ter a posibilidade de vendela a través da mesma plataforma.
Agora, esta firma española creada por evoluZiona, Secuoyas e o Grupo Intercom, que recentemente iniciou a súa liña de expansión internacional en Portugal, vén de botar áncoras en Inglaterra, Suecia e Noruega, onde en colaboración con Service Point Solutions, acaba de converterse na primeira start-up española que abre mercado en ámbolos dous países nórdicos.
Xa que logo, a partir de agora os autores noveis e consagrados destes 3 países, ao igual que o viñan facendo en España e Portugal, poderán publicar de balde as súas obras no seu idioma, e vendelas en formato electrónico (ebook) ou impreso, coa facilidade que supón o feito de non ter tiradas iniciais, ao imprimir os libros baixo demanda cando alguén os adquire. A través deste sistema, o 80 por cento da marxe de beneficio é para o autor.
Segundo Ángel María Herrera, CEO e fundador de Bubok, “os países nórdicos e Inglaterra teñen un potencial enorme, xa que son mercados moi maduros en canto á compra online”, ao que engade que “están entre os países que posúen o maior número de lectores habituais de toda Europa e de libros publicados por habitante”.
Bubok está presente como expositor estes días na Feira do Libro de Gotemburgo, a maior feira de libros de Escandinavia e a segunda maior de Europa logo da Feira do Libro de Frankfurt, onde está a presentar o seu novo servizo en noruegués, sueco e inglés.
A plataforma Bubok ábrese camiño en Suecia, Inglaterra e Noruega
Compartir Este Artigo

