Onte o xefe de Seguridade de Información de Sony, Philip Reitinger, publicou unha mensaxe na que advirte dun importante ataque contra os servizos de xogo en liña da súa compañía mediante intentos de validación dun grande número de identificadores de usuario e contrasinais empregando información obtida de fontes alleas á compañía nipona, e que podería ter afectado a unhas 60.000 contas da PlayStation Network e 33.000 de Sony Online Entertainment, polo que decidiron proceder ao seu bloqueo para a súa investigación e remitiron aos seus usuarios unha mensaxe por correo electrónico para que muden o seu contrasinal (reactivando a súa conta).
Dende Sony aseguran que de realizarse algún cargo nas mesmas tras o ataque, reembolsarán os cartos aos usuarios afectados. Tamén aproveitan para recomendar tomar medidas na Internet para evitar este tipo de problemas (como utilizar contrasinais diferentes en cada servizo en liña) porque nos últimos meses incrementouse considerablemente o número de ataques deste tipo.
Novo ataque aos servidores de xogo en liña de Sony
Compartir Este Artigo

