Nos últimos anos a dixitalización da fotografía supuxo unha revolución que nos últimos meses quedou nunha mera guerra polo megapíxel, pero que podería mudar grazas a Lytro, Inc., compañía que vén de presentar a súa primeira cámara de consumo de campo de luz Lytro, que achega un novo xeito de tomar e gozar das fotografías, xa que as Lytro captan todos os raios de luz dunha escena, facilitando a posibilidade de enfocar a imaxe a posteriori.
A primeira Lytro é unha cámara de peto, cun zoom óptico de 8x, dispoñible en 2 modelos e 3 cores con prezos que parten dos 399 dólares (289,27 euros), e presume de ser a primeira cámara deste tipo capaz de rexistrar a información suficiente que permite enfocar as imaxes despois da súa captura, e incluso subilas á web para poder elixir os elementos que queiramos ver enfocados de xeito interactivo e sen precisar da instalación de software adicional como podemos comprobar na galería de imaxes de mostra desta tecnoloxía que permite fotografías vivas.

As cámaras Lytro comezarán a distribuírse a primeiros de 2012, estando a súa aplicación de escritorio dispoñible inicialmente para Mac OS X, para chegar máis adiante a Windows.
As cámaras Lytro revolucionan a fotografía permitindo enfocar as imaxes despois de captalas
Compartir Este Artigo

