
De maneira moi resumida e sen a máis mínima intención de restarlle importancia, o programa de FICOD deste ano configúrase en torno a 6 sesións plenarias, 18 seminarios, 10 mesas redondas e 120 talleres, que se desenvolverán ao longo dos días 22, 23 e 24 de novembro no Palacio Municipal de Congresos de Madrid.
E é que a V Edición do Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD), que por certo, conta con Telefónica como patrocinador principal, vai ser, un ano máis, o punto de encontro onde a industria de contidos dixitais debaterá sobre as tendencias e retos aos que se enfronta o sector. Sobre a industria de contidos dixitais falarán en FICOD grandes profesionais e emprendedores de éxito, como propio Tim O´Reilly, fundador e CEO da considerada mellor editorial de informática do mundo e creador do concepto web 2.0.
Durante o seu relatorio plenario de inauguración, O´Reilly compartirá coas persoas asistentes a súa visión sobre os principais retos aos que se enfrontan os medios, tales como o social media, os contidos pagados ou os libros electrónicos, entre outros aspectos.
Outro dos protagonistas desta edición de FICOD, tamén con recoñecemento internacional, é Gary Vaynerchuk, emprendedor de éxito e creador da web Wine Library, que mostrará aos asistentes as claves do éxito no entorno empresarial a partir das relacións virtuais.
Outros relatorios que terán lugar nesta feira de contidos dixitais virán da man de Erik Schultink, CEO de Tuenti; de David Wortley, fundador de Immersive Technology Strategies; de Will Mills, director de Música e Contidos de Shazam; de Ventura Barba de Villalonga, co-fundador e presidente de Tenzing Media e de François Derbaix, fundador-Ceo de Toprural.com e co-fundador de Rentalia.com, que falará de como facer medrar na Rede unha empresa de éxito como a súa.
Outros relatorios interesantes xa confirmados que se desenvolverán en FICOD son o de Gilberto García, executivo de CEMEX, que mostrará, entre outras cousas, como as redes sociais melloran a integración dos empregados nunha compañía; ou o seminario que leva por nome, Más allá de Amazon, Apple y Google: The Copia & 24symbols en el futuro de la industria editorial, no que se achegarán as claves dos modelos de distribución dixital dende o punto de vista dos autores, editores e lectores. Os encargados da súa realización serán Javier Celaya, da Asociación de Revistas Digitales Españolas (ARDE) e David Sánchez, executivo de 24symbols, que aproveitarán, asemade, para presentar a plataforma de lectura online The Copia.
FICOD tamén acollerá outros 3 seminarios sobre a experiencia de usuarios enfocados ao desenvolvemento de produtos interactivos e 120 talleres participativos, nos que as persoas asistentes poderán coñecer da man de empresas pioneiras, as mellores prácticas, casos de éxito e reflexións sobre contidos audiovisuais, ocio dixital interactivo, comercio electrónico, propiedade intelectual, publicidade, prensa, música, contidos de usuarios, ocio dixital ou usabilidade, entre outros.
En resumidas contas, que na edición deste ano de FICOD cobran especial relevancia os emprendedores e desenvolvedores, as persoas de a pé, as persoas que collen o toro polos cornos (dixitais) e botan partido das TIC para abrirse camiño neste futuro incerto.
Será o terceiro día cando estes emprendedores teñan a oportunidade de desenvolver todo o seu potencial, e ampliar os seus coñecementos, a partir de sesións de traballo, desenvolvemento, presentacións de creadores, relatorios de diversa índole…
Cabe salientar, por último, que México será o país convidado deste ano, xa que segundo a organización, “actúa como canalizador da oferta de contidos en español nos mercados de América Latina e EEUU”.
FICOD confirma novos relatorios e convidados para o programa deste ano
Compartir Este Artigo

