Falar galego é algo que resulta doado para as persoas que amamos esta lingua e que a sentimos e a falamos co corazón como nos ensinaron os nosos antergos; porén, mesmo aqueles que mamamos esta lingua dende o ventre da nosa nai cometemos erros ao escribir e ao comunicarnos formalmente con ela, e a maior parte deses erros proveñen dos fallos ortográficos e da mala conxugación das formas verbais. E se nos costa traballo conxugar os verbos coñecidos, que non faremos cos verbos que aínda non recollen os dicionarios como o recente tuitear? Pois a solución a isto, como din os seus creadores, “está na Rede”, onde atopa acubillo o CilenisConxugador, unha ferramenta en liña para conxugar automaticamente os verbos en galego.
A plataforma chega ós nosos equipos da man da empresa galega Cilenis, creada no seo da USC para ofrecer solucións innovadoras nos ámbitos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística, que a ofrece de balde.
Segundo afirman, o CilenisConxugador “é a aplicación máis completa, fiable e versátil existente para conxugar de maneira automática calquera verbo en lingua galega” que permite conxugar os verbos que forman parte do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG) e tamén calquera outro verbo que se nos ocorra, ben sexan neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos dunha xerga ou mesmo inventados.
O conxugador está baseado no sistema de código aberto conshuga, desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela polo grupo de grupo de investigación ProLNat@GE (Grupo para o Procesamento da Linguaxe Natural), do que procede o equipo de traballo de Cilenis. O resultado é, tal como din, “unha ferramenta con importantes aplicacións no ámbito da educación, a comunicación e a empresa”.
Dispoñible tamén en portugués
Asemade, dados os lazos de unión que o galego ten co portugués, este equipo de desenvolvedores non podía deixar de facer a versión de seu para a lingua curmá, e conxuntamente coa versión galega, Cilenis desenvolveu un conxugador verbal en portugués, dispoñible xa para os máis de 240 millóns de falantes desta lingua no mundo.
A empresa galega sitúase así “en primeira liña na creación de ferramentas lingüísticas on line no ámbito lusófono cunha ferramenta que mellora as existentes ata agora”, afirman.
O CilenisConjugador permite consultar verbos nas catro variantes do portugués: portugués europeo e portugués brasileiro, en cada caso antes e despois do acordo ortográfico. Tamén neste caso é posible optar por conxugar infinitivos presentes nos léxicos portugueses e brasileiros ou facelo con calquera verbo, mesmo inventado.
Esta empresa, que por certo levou o primeiro premio no XI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, celebrado este ano, traballa agora en novas aplicacións, como o buscador CilenisSearch, a partir do cal desenvolve buscadores personalizados segundo as necesidades dos clientes, par conseguir unha alta calidade dos resultados.
Cilenis dálle pulo ao galego na Rede cunha ferramenta para conxugar os verbos
Compartir Este Artigo
