Antes do lanzamento da nova consola portátil de Nintendo, os seus responsables xa comentaban que buscarían incorporarlle prestacións que, aínda que non estivesen dispoñibles inicialmente, irían chegando a través de actualizacións de software, e cumprindo co prometido, dende hoxe (adiantándose un día á data prevista) está dispoñible unha actualización do firmware para a Nintendo 3DS que, entre outras cousas, facilita a gravación de vídeo en 3D.
A actualización para a Nintendo 3DS permite que dende a aplicación da cámara da consola xa non sexa posible só ver e tomar imaxes, senón tamén gravar vídeo estereoscópico de ata 10 minutos de duración nun modo de captura continuo ou cadro a cadro (para facer pezas coa técnica de animación stop motion) ou mediante intervalos de tempo (para gravar time lapses).
Pero esta non é a única novidade que incorpora a 3DS, senón que tamén actualiza a Plaza Mii con novos quebracabezas e novas ferramentas; mentres que os usuarios de StreetPass poderán gozar dun novo reto: completar un mapa xeográfico atopando a usuarios de novas rexións.
A actualización tamén facilita o intercambio de contidos entre consolas Nintendo 3DS e mellora a tenda Nintendo eShop con demostracións dalgúns xogos e a posibilidade de descargar múltiples contidos cando a consola está en espera (activando a posibilidade de que os contidos descargables poidan ampliar algúns xogos como acontece coas consolas de videoxogos domésticas).
A Nintendo 3DS xa pode gravar vídeo en 3D
Compartir Este Artigo

