Nos últimos anos a Raspberry Pi Foundation está a traballar no Reino Unido na creación dun pequeno ordenador baseado en LInux (cunhas dimensións semellantes ás dunha tarxeta de crédito: 85,6 x 54,98 milímetros) que chegaría en 2 versións: unha cun prezo de 35 dólares que contaría cun procesador ARM11 a 700 MHz e 256 Mb de RAM capaz de correr o título multixogador Quake 3 Arena, e outra por 25 dólares, que só contaría con 128 Mb de RAM. Contan con portos USB 2.0, o modelo de 35 dólares ten conectividade Ethernet e empregan como almacenamento tarxetas de memoria.
Este tipo de produtos poderían ter grande utilidade en contornos educativos, aínda que tamén serían atractivos para a súa conexión directa a un televisor a través dunha entrada HDMI, e aínda que o seu prezo pareza imposible, agora adiantan que vai comezar a comercializarse en xaneiro, cunha remesa inicial dunhas 10.000 unidades. Tamén agardan conseguir distribución internacional no segundo trimestre de 2012.
Raspberry Pi, un ordenador do tamaño dunha tarxeta de crédito
Compartir Este Artigo

