A compañía matriz da cadea de tendas de videoxogos GAME, Game Group, suspendeu hoxe a súa cotización bolsista londiniense, tras pechar onte a 2,39 peniques (moi lonxe dos 63 peniques aos que cotizaba hai un ano) nun momento no que a cadea de tendas perdeu a confianza dos subministradores de videoxogos (que non os abasteceron de copias do principais lanzamentos das últimas semanas ante a falta de liquidez da empresa) e está a explorar saídas a esta situación, que van dende o peche de establecementos (que xa comezou) ata a venda a outras compañías (como a norteamericana GameStop). A compañía permanecerá fóra do mercado ata clarexar a súa situación financeira.
Pese a operar nun sector máis resistente á crise que o resto, Game Group rexistrou unhas perdas netas de 37,2 millóns de libras cuns ingresos de 559 millóns de libras durante o primeiro semestre de 2011, resultados bastante peores que anos anteriores, tardando moito a compañía detrás de 1.300 tendas GAME e Gamestation en tomar as medidas para superar a situación, provocada en boa medida pola forte competencia que supón a venda en liña de videoxogos (tanto en descargas como en soporte físico).
Agora coméntase que precisan duns 180 millóns de libras antes dunha semana para poder evitar a bancarrota, xa que teñen que facer fronte a 21 millóns de libras para o pagamento de alugueiros, 12 millóns para salarios, 10 millóns para impostos, 40 millóns a provedores e uns 100 millóns a entidades bancarias.
Coméntase que a saída desta situación sería a creación dunha nova compañía baixo a marca GAME (sacrificaríanse as tendas de Gamestation) que estaría controlada polas entidades bancarias coas que o Game Group ten compromisos adquiridos, e operaría só en Reino Unido e España, abandonando a presenza da empresa no resto do mundo. Cómpre destacar que o feito de que as tendas españolas de GAME saian sempre a colación nestas informacións débese a que é unha filial que conserva boa saúde, como comentan os seus responsables constantemente ante as informacións que chegan dende Reino Unido.
ACTUALIZACIÓN: Game Group recoñece oficialmente que vai acollerse á bancarrota ante a imposibilidade de chegar a acordos para saír da súa difícil situación financeira.
Game Group suspende a súa cotización bolsista no Reino Unido
Compartir Este Artigo

