Os malos augurios sobre o futuro da cadea de tendas GAME no Reino Unido parecen confirmarse, e hoxe entrou en bancarrota a súa empresa o Game Group, o que tivo unhas consecuencia moito máis directas do que podía agardarse, co peche de 277 tendas, que supón a perda de 2.104 postos de traballo. Con esta reestruturación pretenden conseguir facer a empresa máis atractiva a potenciais compradores (entre os que figuran o Royal Bank de Escocia e a norteamericana GameStop).
A páxina web de GAME no Reino Unido tamén está “pechada por mantemento”, mentres que nas tendas físicas comezan a rexeitar as devolucións ou cambios, deixan de aceptar reservas, suspenden os seus plans de fidelización (mediante a tarxeta de socio), cancelan as tarxetas agasallo e os cartos acumulados en GAMEWallet, deixan de mercar xogos e hardware usado… medidas que nalgún caso serán temporais e noutros permanentes, e que claramente farán un importante dano á imaxe da compañía polo agresivas que resultan para os clientes, que non só perden o acceso a servizos, senón que tamén quedarían sen os cartos que terían acumulado previamente.
Polo momento non se sabe as repercusións destes acontecemento nas tendas de GAME en España, aínda que poderían salvarse da queima por ser aínda rendible esta filial e mesmo podería ser a única que quedase en activo xunto coa de Reino Unido (pois os actuais administradores da compañía consideran que a expansión internacional da empresa foi excesiva).
Peche masivo de tendas GAME no Reino Unido
Compartir Este Artigo
