Na segunda metade da década dos 80 puido verse en televisión unha serie de animación chamada ThunderCats e que contou cunha adaptación ao videoxogo en 1987 para ZX Spectrum, Amstrad CPC, Commodore 64, Atari ST e Amiga, e agora que estes guerreiros felinos volven á televisión (grazas a Cartoon Network norteamericana, e que posiblemente vexamos en España da man de Clan TVE) a historia repítese, e Namco Bandai vai convertela nun videoxogo que desta volta limitarase á Nintendo DS.
ThunderCats para Nintendo DS permitiranos controlar a Lion-O, que armado coa Espado dos Augurios deberá derrotar a un exército de lagartos antropomórficos que pretenden atacar Thundera. Haberá que enfrontarse a 3 tipos de lagartos empregando a espada (e esquivándoos en momentos determinados), podendo acumularse tamén powerups para poder lanzar un ataque especial. Como vén a ser habitual esta saga, detrás do ataque de Thundera está o malvado Mumm-Ra, ao que haberá que vencer.
Este xogo buscará axustarse fielmente á serie de televisión, tanto a nivel gráfico como en efectos de son e mesmo nas voces (elemento que non sabemos se conservará a versión española). O seu lanzamento está previsto para o mes de agosto, e nun principio chega para a DS en vez de para a 3DS para poder chegar a un maior público (o rango de idades ao que vai dirixido o título fai que a DS aínda sexa unha plataforma de peso).
Pequeno avance do novo xogo de Namco Bandai
Vídeo co primeiro videoxogo de ThunderCats lanzado en 1987

