GT Academy, competición promovida por Nissan e PlayStation, procura xa finalistas no Salón Internacional do Automóbil de Madrid, aberto ata o 3 de xuño. O obxectivo é localizar “novas promesas” deste tipo de automobilismo (dixital) xusto nun dos lugares onde máis posibilidades hai de atopar conexións co automobilismo real. Ou sexa, que se van procurar novas e interesantes conexións entre os dous mundos, cada vez, por outra banda, máis entremesturados. Con este fin, GT Academy ofrécelle xa aos asistentes no dito salón un emprazamento de catrocentos metros cadrados equipado con oito racing pods de Play Station 3 e máis unha “dinámica de competición virtual baseada en Gran Turismo 5”.
Segundo apuntan os responsables da competición, só os 15 participantes que rexistren o mellor tempo no modo contrareloxo poderán facerse un oco na final española que se vai celebrar en Barcelona no mes de xuño. Estes afortunados terán que amosar polo miúdo as súas habilidades ao volante do Nissan 370Z Tuned Car (versión GT Academy) 2008 nun dos trazados máis prestixiosos do mundo, o circuíto alemán de Nurburgring.
GT Academy busca promesas do motor no Salón Internacional do Automóbil de Madrid
Compartir Este Artigo
