Os usuarios norteamericanos da consola portátil PS Vita de Sony poden descargar de balde dende hoxe unha nova aplicación que facilita o acceso aos vídeos de YouTube directamente no seu dispositivo portátil, de xeito que a pantalla OLED de 5 polgadas da Vita serve para ver os millóns de vídeos da plataforma en liña de Google, estando tal funcionalidade tamén dispoñible a través de consolas que se conecten á Rede a través de 3G.
A nova aplicación ten sección de vídeos recomendados, permite realizar buscas, deixa consultar o historial de vídeos reproducidos e permite amosar os clips que marquemos como favoritos. Como acontece con outras versións móbiles de YouTube, a aplicación pode funcionar a pantalla completa, ou con información adicional en pantalla (como comentarios, vídeos relacionados ou botóns para indicar se gustamos dun vídeo).
Esta aplicación súmase a outras como Skype ou Facebook, que melloran as posibilidades da PS Vita máis aló dos videoxogos e, aínda que polo momento non está dispoñible dende España, é posible que iso cambie en poucos días, pois o seu lanzamento europeo está previsto para entes de rematar o presente mes.
A PS Vita estrea aplicación para YouTube
Compartir Este Artigo
