O estudo compostelán Moonbite Games&Animation, vén de lanzar os dous primeiros trailers do seu Zombeer, Zombies&Beer, que segundo os seus desenvolvedores, “xa dan pistas acerca do look” do que será o videoxogo galego do ano.
Trátase dun videoxogo de acción e humor negro deseñado para o mercado internacional multiplataforma, que xa foi presentado oficialmente no Gamelab 2011, e que este ano será a imaxe de Mundos Digitales, a celebrar na Coruña do 4 ao 7 de xullo.
Estes dous primeiros vídeos tiveron gran repercusión tanto en webs especializadas como en blogs centrados no sector dos videoxogos, sendo China o país no que obtiveron unha meirande repercusión con máis de 50.000 reproducións repartidas entre un primeiro teaser e 30.000 reproducións nun so portal especializado, o Gametrailers.com.
O protagonista do xogo, K, esperta cunha mordedura nun brazo logo dunha noite de troula universitaria. A súa misión é atopar e salvar á súa moza Karen que estaba na mesma festa, convertida agora nun campo de batalla.
Trátase, á fin, do típico xogo de zombies nos que hai que evitar ser mordido ou atacado por un. Mais neste caso o antídoto para non transformarse nun deles non é outro que beber cervexa, iso si, con moderación, pois o exceso do líquido dourado tamén podería facerlle perder o control ao protagonista do xogo e convertelo nunha presa fácil para os zombies.
Dende o estudo independente compostelán anuncian que seguirán a lanzar máis vídeos sobre o videoxogo, aos que se poderá acceder na súa páxina web oficial.
Último vídeo promocional do xogo ao que seguirá outro nun par de días
Un par de vídeos do videoxogo galego Zombeer superan as 50.000 reproducións só en China
Compartir Este Artigo

