
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia é o lugar elixido para a realización desta fase de probas, o que resulta moi axeitado para as empresas tecnolóxicas galegas que queiran ensaiar alí novos servizos, produtos e dispositivos desenvolvidos para esta tecnoloxía de alta velocidade.
O primeiro punto de acceso 4G galego queda así limitado a usos empresariais, pois na actualidade aínda non hai terminais móbiles con LTE no mercado español, por entenderse que as actuais tecnoloxías 3G aínda teñen moito potencial, mentres que o 4G quedaría como unha proposta de futuro che achegará numerosas vantaxes entre as que cómpre destacar a reducida latencia do LTE, que facilita o uso de servizos interactivos en tempo real, que van dende solucións de comunicacións ata xogo en rede.

Alonso quixo destacar que a posta en marcha do LTE en Santiago de Compostela é “unha mostra máis da implicación de Telefónica con Galicia” subliñando que se trata dun “servizo ao sector TIC galego”, mentres que a responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereiira, quixo destacar que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego no ámbito das TIC é facilitar ao acceso á Internet a todos os galegos, para o que están a desenvolver un Plan de Banda Larga que a data de hoxe conseguiu levar o acceso á Rede a alta velocidade ao 90% da nosa poboación (fronte ao 70% de 2009). É de agardar que tecnoloxías como o LTE tamén poidan beneficiar á nosa comunidade no peche da fenda dixital no tocante á banda larga no rural, pois permitirá comunicacións sen fíos cunhas características comparables ás das redes de cable.
Demostración da tecnoloxía LTE

Os responsables de Telefónica quixeron deixar claro que esta nova tecnoloxía é xa unha realidade, que aínda non está en fase comercial porque aínda non existe demanda para a mesma (pois actualmente o 3G permite velocidades de descarga de ata 42 Mbps), pero as posibilidades do LTE son moitas, de aí que resulte crucial avanzar neste ámbito para cando chegue ao público xeral.
As experiencias reais con esta tecnoloxía confirman que, xa nos primeiros pasos da LTE (tecnoloxía que é de agardar que tamén vaia mellorando como aconteceu no seu día co 3G) podemos ter unha experiencia de uso equivalente a multiplicar a velocidade das comunicacións móbiles por 10, o que claramente supón unha mellora, que resulta especialmente prometedora de cara ao rural, que poderían reducir a distancia co ámbito urbano na experiencia de uso da Rede e de numerosos servizos que poderían xurdir aproveitando estas novas posibilidades (telemediciña, telepresenza, maior integración na nube…).
