El Corte Inglés conta xa oficialmente cun espazo de seu no Smart TV 101, o terminal de última xeración de Inves. O acceso directo ao portal de servizos de El Corte Inglés no dito aparello complementa o paquete de posibilidades deste ( contidos de televisión dixital de alta definición con acceso a xogos e web TV, televisión á carta, aplicacións en rede) co feixe de recursos propios da plataforma dixital da cadea española de centros comerciais, como por exemplo A Tenda en Casa e aplicacións como o probador virtual, a consulta de catálogos e promocións, compra en liña no supermercado ou adquisición de artigos no eStore.
E todo, sinálase, dende o noso propio fogar de cada quen. Segundo informan fontes das dúas firmas, o acceso a toda a gama de servizos virtuais da cadea, sen abandonar o menú principal, achega unhas capacidades para atraer ao mundo Smart TV, non só ás novas xeracións, senón a calquera integrante da unidade familiar, que agora pode explorar as revolucionarias prestacións da televisión intelixente na súa casa.
Lembrar que Inves Smart TV 101 é un aparello de fogar dixital, multimedia, que permite a integración nun mesmo equipo de diferentes plataformas e canles, como a TV, a Internet, as consolas ou os aparellos de reprodución de música. Con este dispositivo, sinálase, “non só é posible acceder a calquera contido, cando e como se desexe, senón gozar dunha mellor calidade de imaxe en series, cinema e videoxogos, intercambiar mensaxes e ficheiros adxuntos a pantalla xigante a través de aplicacións de redes 2.0 como YouTube, DailyMotion, Tuenti, Facebook ou Twitter, e participar directamente nos programas en vivo”. O aparello tamén ten sintonizadora TDT de alta definición e vén precargado con xogos (Angry Birds, Fruit Ninja), accesos directos a redes sociais en cales preconfiguradas, como a devandita de El Corte Inglés.
El Corte Inglés afiánzase no fogar dixital da man de Smart TV
Compartir Este Artigo

