Dentro da esfera de xogos independentes nos últimos anos acadou unha grande relevancia o agardado título FEZ para Xbox 360 no que podemos controlar a unha criatura en 2 dimensións chamada Gómez que descobre a existencia da terceira dimensión, o que aproveita para moverse por un mundo mediante 4 perspectivas distintas (pero cun movemento bidimensional) resolvendo quebracabezas e descubrindo segredos e tesouros. Pero este xogo lanzado o pasado mes de abril presentaba numerosos fallos, polo que lanzouse un parche que tamén presentaba bastantes problemas e foi retirado. Agora sorpréndennos recuperando tal parche, e o responsable do xogo, Phil Fish, explica que non van “parchear o parche” porque Microsoft pide decenas de milleiros de dólares para volver a certificar o xogo (o que está fóra do alcance dun desenvolvedor independente).

Dende Polygon tamén comentan que o xogo FEZ non é exclusivo (polo momento) para Xbox 360 porque Microsoft os financiase, senón que sería todo o contrario (son eles os pagan a Microsoft para poder acceder ao seu Bazar), aínda que aseguran que poder publicar FEZ en tal plataforma supúxolles ingresar moitos cartos, algo difícil para un desenvolvemento indie. Como exemplo do éxito desta canle de venda dixital podemos lembrar que un dos creadores de Super Meat Boy asegurou que nas primeiras 10 horas do seu xogo á venda para Xbox 360 conseguiu máis cartos que nos anteriores 6 anos xuntos.
O xogo FEZ non corrixe os seus fallos por motivos económicos
Compartir Este Artigo
