Os días pasados presentouse en España unha iniciativa con especial potencial para cinguir o mundo físico co virtual, a actividade deportiva clásica e a que se fai en liña. Asemade, trátase dunha proposta que lle toca de preto a un invento netamente galego: o futbolín. A cita foi no HUB Madrid, onde se deu a coñecer o proxecto Futboling, achegado baixo o lema Pásao ben mellorando o mundo e coa arela de fornecer unha actividade de lecer co gallo de pór en xogo solidariedade, e viceversa. Trátase, máis polo miúdo, dunha máquina fabricada en polietileno, con feitura de futbolín clásico (cambian os materiais, iso si), pero cen por cen reciclable, sostible en si mesma e co engadido de estar enchufada a Internet e canalizando axudas monetarias a entidades humanitarias e sociais. Hai polo tanto un terceiro elemento a sumar: o elemento solidario.
Futboling, cuxa patente é cen por cen española, permite “crear unha experiencia de diversión 2.0”, informan os seus responsables, “xa que grazas á súa conexión a Internet pódese realizar unha competición global, en tempo real, en calquera recanto do mundo e mediante o seguimento dos resultados propios e alleos, a través dun computador (vía a web de seu, futboling.com) ou smartphone (vía iPhone e, en breve, Android)”. Estamos pois ante unha iniciativa que mantén o cerne do xogo tradicional, apostando polo lecer puramente físico arredor dun aparello de xogo, pero engadindo “dimensión social e universal”.
Respecto á súa vertente solidaria, dicir que por cada moeda que se insire para xogar destínase unha parte ao traballo dunha organización sen arela de lucro a elixir polos propios xogadores: Intermón Oxfam, Fundación Josep Carreras contra a leucemia, Cáritas, Nenez Solidaria, Mans Unidas, Fundación Vicente Ferrer, Medicus Mundi, Vencer ao Cancro e Adena WWF España. A elas destinarase un tezo do importe da partida. Outro terzo á Fundación Fun for a better world, a entidade responsable de Futboling, precisamente, co obxectivo de impulsar o traballo a prol da inserción laboral das persoas con diversidades funcionais ou motrices e conseguir que sexan elas mesmas as que desenvolvan tarefas de asistencia técnica e mantemento das máquinas do proxecto. Un último terzo irá dirixido ás universidades españolas nas que se van instalar os aparellos (60 polo de agora), sufragando por unha parte o aluguer dos espazos e destinando o resto a bolsas, bibliotecas ou compra de material didáctico. Futboling, máis polo miúdo, é un desenvolvemento que vén da man de Nacho Escobar e Félix Lozano, aos que se van sumando, paseniño pero sen pausa, outros compañeiros que comparten a idea orixinal do proxecto. En YouTube podemos ver un vídeo sobre o funcionamento destes aparellos.
En marcha unha iniciativa para levar futbolíns solidarios, en liña, ás universidades españolas
Compartir Este Artigo
