Esta tarde Microsoft convocou a profesionais e medios de comunicación en San Francisco para o evento de presentación do Windows Phone 8, que puido seguirse en directo a través de streaming, e que serve de disparo de saída para o novo sistema operativo móbil da compañía de Redmond, que esta mesma semana comeza a chegar ao mercado europeo de xeito paulatino, agardándose que antes de rematar novembro sexa doado atopar os terminais móbiles máis representativos en case todo o mundo.
O peso do acto recaeu nos ombros de Joe Belfiore, vice presidente da dirección do programa de Windows Phone de Microsoft, que detallou algunhas das novidades do noso sistema operativo que presume ser o compañeiro ideal para Windows, e que basea a súa forza en estar orientado ao usuario e en poder empregar como punto de apoio a plataforma de Microsoft que agora forman a consola de videoxogos Xbox 360 e os ordenadores e tablets con Windows 8.
Software innovador

Aínda que a tenda de aplicacións de Windows Phone 8 aínda teña pouco que facer en comparación con Android e iOS, xa conta con máis de 120.000 aplicacións, con centos novas cada día e como moitas por vir de cara ao Nadal como Angry Birds: Star Wars, Cut the Rope Experiments, Dónde está mi agua?, LivingSocial, Temple Run e moitas outras entre as que figura o servizo musical Pandora (dispoñible nos EE.UU.). Nesta liña tamén se comentou que os móbiles con Windows Phone 8 integran Skype, pero esta aplicación non terá por que estar correndo en segundo plano consumido recursos e batería, permitindo igualmente recibir comunicacións ao momento.
Unha das características que máis destacou Belfiore foi a Kids’s Corner, un curruncho para que os cativos poidan xogar co móbil do seu pai sen medo a que estraguen os datos no móbil, e accedendo só ás aplicacións que os proxenitores decidan. Como exemplo desta utilidade contaron coa presenza da actriz Jessica Alba, quen comentou que así evitaba publicacións accidentais en Twitter (onde conta con máis de 4 millóns de seguidores). Alba, anterior usuaria de iPhone, recoñeceu que gustaba do seu novo móbil con Windows Phone pola súa velocidade para disparar fotografías á súa cativa, destacando tamén que foi moi doado trasladar toda a música que tiña en iTunes ao seu novo móbil.

Os usuarios preocupados polas limitacións da súa conexións de datos teñen agora Data Sense, característica que vixía a transmisión de datos dende o móbil, comprime as descargas de páxinas web para reducir o tráfico de datos, procura aproveitar puntos de acceso Wi-Fi de balde para aforrarnos consumo de datos móbil e incluso permítenos ver as aplicacións que consumen máis datos, o que axudará ao usuarios na xestión das súas transferencias en mobilidade.
Joe Belfiore amosa en vídeo moitas das características que diferencian a Windows Phone 8 de iOS e Android
Móbiles impresionantes
Dende Microsoft insistiron en que os móbiles que van estrear Windows Phone 8 son dos mellores que podemos ver no mercado, destacando o Nokia Lumia 920 e a súa cámara (que non ten igual no mundo da telefonía móbil), o Samsung ATIV S (que pese a ter unha pantalla de 4,8 polgadas consegue ser delgado e lixeiro) e os atractivos HTC Windows Phone 8X e 8S (que chegarán ao mercado en atractivas cores e con deseños elegantes).
Dende hoxe xa é oficial: temos nos mercado un novo xogador na competición móbil, que durante os vindeiros meses buscará compartir podio con Apple e Google.
Anuncio do Windows Phone 8

