Nokia presentou hoxe dous novos móbiles da familia Asha, que están pensados como smarphones de entrada, e que destacan por contar en ambos casos cun botón dedicado para acceder a Facebook, estratexia que a compañía finlandesa non seguiu ata agora.
O Nokia Asha 205 é un terminal con teclado QWERTY, unha pantalla de 2,4 polgadas, cámara VGA, lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb, conectividade GPRS/EDGE, Bluetooth 2.1, batería cunha autonomía de ata 37 días en espera e ata 11 horas en conversa, unhas dimensións de 113 x 61 x 13 milímetros e 94 gramos de peso, que nalgúns mercados venderase nunha versión Dual-SIM e que podería considerarse como o smartphone dos mercados emerxentes, por permitir acceder aos servizos na Rede sen alardes técnidos e a un prezo libre aproximado de 62 dólares.
Polo mesmo prezo Nokia lanza tamén o Nokia Asha 206, que coincide en moitas das súas prestacións, eliminando a teclado QWERY, pero engadindo cámara de 1,3 Mpíxeles e mellorando a súa autonomía ata 47 días en espera e 20 horas en conversa. Deste xeito, os usuarios que queiran un destes móbiles sociais poderán elixir o que máis se axuste ás súas necesidades.
Ambos móbiles chegarán ao mercado antes de rematar o ano.
Nokia presenta dous novos móbiles con botón para Facebook
Compartir Este Artigo

