Os estudos Hunted Cow publicaron hai menos dunha semana o xogo Battle Dungeon para dispositivos con iOS, que parecía estar a ter unha moi boa aceptación, resultando realmente rechamante o feito de que os seus desenvolvedores tivesen que optar por desconectar os servidores deste título por estar a recibir unha esaxerada de conexións que faría imposible unha experiencia aceptable para os usuarios que adquiriron o xogo legalmente por culpa dun inmenso número de usuarios que estaban intentando xogar con copias piratas de Battle Dungeon, deixando claro que este tipo de problemas non é exclusivo de plataformas como Android (como deran a entender algúns desenvolvedores no pasado).
Dende os foros de Hunted Cow aseguran que o 90% dos usuarios que intentaron gozar do modo multixogador da súa creación tiñan copias pirata do xogo, o que non sería un grande problema se estivésemos ante un xogo sen opcións en liña (pois as copias piratas incluso poden potenciar a venda de copias lexítimas), pero neste caso é desproporcionado o volume de recursos que ten que empregar a compañía por cada usuario lexítimo, polo que optaron por pechar a billa e instar aos usuarios a que soliciten unha devolución dos cartos que pagaran polo xogo.
Os responsables do xogo entenderon con esta experiencia que os títulos multixogador para móbiles deben optar por modelos de negocio free to play se queren sobrevivir, empregando compras dende a aplicación como canle para financiar os costes dos seus servidores.
O xogo para iOS Battle Dungeon pecha os seus servidores por mor da piratería
Compartir Este Artigo
