Os rumores de que as futuras consolas de videoxogos poderían chegar con medidas contra a venda de xogos de segunda man reavívanse despois de que aparecerse na Internet unha nova patente de Sony que consistiría na incorporación dun identificador RFID nos novos discos, de xeito que podería facerse un seguimento dos mesmos limitando o seu uso a unha única consola, o que non quere dicir que vaia empregarse na futura PlayStation 4 (ou como finalmente se chame a nova consola de Sony que posiblemente presentarase na vindeira edición do E3).
Actualmente moitos xogos están a loitar contra a segunda man incluíndo un pase online, de xeito que os usuarios que non mercasen orixinalmente un xogo deberán pasar por caixa se queren poder gozar dos seus modos de xogo en liña, pero esta nova tecnoloxía podería establecer calquera outra limitación con independencia da conexión á Rede.
Aínda que faltan moitos meses para saber se este tipo de medidas chegarán a aplicarse, os meros rumores están a prexudicar á cotización bolsista da cadea de tendas GameStop, que consegue boa parte dos seus beneficios da venda de xogos usados, aínda que habería que precisar que boa parte dos cartos que as tendas pagan polos xogos de segunda man gástanse logo en xogos novos, polo que resulta difícil ponderar se a criticada segunda man é tan negativa como comentan dende a industria do videoxogo.
Unha patente de Sony podería supor o adeus aos xogos de segunda man
Compartir Este Artigo
