
Dende o Grupo de de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo lembran que con recursos como os diferentes programas de tradución automática, programas eficaces e de alta calidade, “a diversidade lingüística e cultural do continente pódese converter nunha vantaxe competitiva, unindo os esforzos de enxeñeiros e tradutores arredor de empresas e proxectos de tecnoloxías multilingües”. Nesta liña traballa, precisamente, a rede Meta-Net.
O documento presentado ao abeiro desta rede é o froito de traballo da revisión polo miúdo de 31 libros brancos coa diagnose doutras tantas linguas. A axenda describe como o investimento en tecnoloxías da linguaxe xeraría grandes beneficios económicos. A clave é facer dunha eiva (teórica) unha fórmula de éxito. Ou sexa, en converter os atrancos lingüísticos en vantaxes competitivas, “desenvolvendo estas tecnoloxías, deseñando programas e dispositivos axeitados para cada idioma e creando un gran mercado, que na actualidade conta xa con centos de pequenas e medianas empresas con tecnoloxías especializadas multilingües”. Esta é a conclusión dos preto de 200 expertos que elaboraron a folla de ruta coas recomendacións sobre a planificación do I+D+i no eido das tecnoloxías lingüísticas de cara ao horizonte da Estratexia 20-20.
Este documento foi presentado aos representantes da Comisión Europea, a investigación, a industria e a tecnoloxía nun simposio celebrado o pasado venres, o 25 de xaneiro, en Berlín. A diagnose previa determinaba que 21 dos 31 idiomas analizados estaban en risco de extinción dixital, incluíndo o galego. Isto significa que carecen das tecnoloxías da información para poder sobrevivir nun mundo dixital, xa que só unha pequena fracción da información valiosa está dispoñible en todas as linguas europeas, convertendo as fronteiras lingüísticas en fronteiras comunicativas e económicas.
A rede Meta-Net confirma o potencial da tradución automática na supervivencia das linguas en risco como a galega
Compartir Este Artigo
