Ata o momento 3,5 millóns de persoas puideron gozar do modo multixogador de Uncharted 3: La traición de Drake, acumulando máis de 37 millóns de partidas, o que de por si parecen uns bos resultados, pero que poderían quedar en migallas en breve, pois mañá mesmo este modo de Uncharted 3 adoptará o modelo de negocio Free-To-Play, ou sexa, que poderán iniciarse nesta aventura de xogo en liña de balde dende a PlayStation 3.
Con este cambio de modelo será posible descargar de balde unha versión do xogo que facilitará conectarse á Rede e xogar sen límite ata chegar a nivel 15, cando poderá continuarse a xogar, pero tendo que pagar de querer desbloquear o nivel para poder progresar. Tamén será posible adquirir obxectos e contidos descargables de pagamento, o que supón un cambio no xeito de rendibilizar este xogo que, en vez de dirixirse ata o seu fin de ciclo (agora que Naughty Dog prepara o lanzamento de Last of Us) revitalízase abríndose de balde na súa vertente en liña.
Co salto do modo multixogador de Uncharted 3 ao Free-To-Play non só pretenden xerar micropagamentos, senón tamén promover as vendas da edición Xogo do Ano deste atractivo título, que estará en breve á venda como descarga, incluíndo os 12 mapas de contido descargable, todos os modos multixogador cooperativo e máis de 40 aspectos de personaxe. Sobra dicir que tamén inclúe o magnífico modo historia para un xogador de Uncharted 3.
Vídeo de presentación do multixogador Free-To-Play de Uncharted 3
O multixogador de Uncharted 3 estará dispoñible de balde dende esta semana
Compartir Este Artigo
