A tenda de descargas de xogos para PC de Valve, Steam, estreou unha nova selección de títulos de Acceso Anticipado, que consiste na adquisición de xogos cando aínda están en desenvolvemento, o que permite seguilos durante a súa evolución, así como contribuír á mesma mediante comentarios. Dende Steam queren animar aos desenvolvedores a ofrecer esta posibilidade, que engade transparencia á creación de xogos, e facilita tanto a que os títulos gañen visibilidade como a que os usuarios máis comprometidos poidan gozar de xogos sen agardar a que estean pulidos.
Polo momento o catálogo de xogos de Acceso Anticipado limítase a unha ducia, entre os que o máis rechamante é Arma III, ao que acompañan títulos independentes que, pese a estar sen rematar, poden xogarse dende xa, pois esta nova opción de Steam non é realmente unha compra anticipada, senón unha compra real, que non sempre suporá a compra do xogo definitivo, pois os desenvolvedores teñen a opción de elixir se premian a compra do seu xogo sen rematar co título completo ou se ofrecen a opción de realizar un pago adicional para desbloquear o xogo completo (todo dependerá do compromiso dos creadores con este tipo de iniciativas participativas).
Valve ofrece a posibilidade de adquirir varios xogos antes de estar rematados
Compartir Este Artigo
