ZeroDesktop iniciou un proxecto en Kickstarter consistente nun pequeno ordenador baseado en Android 4.2 que pretende servir para xogar, ver vídeos, editar documentos e correr aplicacións para Android coas vantaxes de ter un prezo moi reducido (99 dólares) e estar deseñado pensando especialmente en manter un control paterno do equipo a través das distintas contas de usuarios que incluso poden xestionarse a través do móbil (para o que contará con aplicacións para iPhone e Android). Este MiiPC non só pode conectarse a un monitor para empregalo como un ordenador ordinario, senón que tamén pode utilizarse no televisor (a través de HDMI) de xeito que serviría para funcións de reprodución multimedia ou para acceder a contidos de vídeo en liña.

Este ordenador compacto funcionará cun procesador Marvell Ne Armada de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante SD e USB), Wi-Fi N, Ethernet, Bluetooth 4.0, 2 portos USB 2.0, tomas para altofalantes e micrófono e saída HDMI a 1.080p/720p. Tamén poderá funcionar como receptor de Miracast (para, por exemplo, amosar no televisor contidos cargados no tablet ou no móbil) e incluirá software precargado como reprodutores multimedia e o paquete ofimático de KingSoft.
O proxecto de Kickstarter completou o seu financiamento en moi pouco tempo, e estímase que entre maio e xuño cheguen as primeiras unidades aos seus compradores, para producirse en xullo-agosto unha segunda remesa de unidades (aínda que os compradores menos rápidos terían que esperar ao mes de setembro para recibir o seu MiiPC).
MiiPC, un ordenador baseado en Android centrado no control paterno
Compartir Este Artigo

